PREDIF Galicia celebra con PREDIF Estatal, a Xornada: A Asistencia Persoal: A Xestión do Servizo
O martes 10 día de outubro, PREDIF Galicia organiza, xunto con PREDIF Estatal, a Xornada: "A Asistencia Persoal: A Xestión do Servizo" no Centro para a Promoción da Autonomía Persoal do IMSERSO, en Bergondo.
PREDIF Galicia organiza esta xornada có obxectivo principal de difundir o servizo de Asistencia Persoal como unha ferramenta fundamental de cara á consecución da autonomía persoal, para que as persoas en situación de dependencia poidan exercer un verdadeiro control sobre as súas propias vidas, asumindo riscos e tomando as súas propias decisións, en función das súas necesidades e expectativas.
A asistencia persoal é un Dereito Humano das persoas con diversidade funcional tal e como se recolle na Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de 2006 (CDPD). Nesta Convención, faise mención específica á Vida Independente, a través do seu Art. 19:”Dereito a vivir de forma independente e a ser incluído na comunidade”. Do emanado de este articulado despréndese que, traballar para desenvolver Políticas Sociais baseadas na Filosofía de Vida Independente é, sen dúbida, traballar e preservar os Dereitos Humanos para a poboación de persoas con diversidade funcional/discapacidade. A asistencia persoal convértese nun soporte e un elemento facilitador para que as persoas con discapacidade poidan desfrutar do máximo nivel de autonomía no desenvolvemento do seu proxecto de vida.
Esta xornada está dirixida a persoas en situación de dependencia, familiares e traballadores dos servizos sociais, entidades do sector da discapacidade, asistentes persoais e perfís afíns ou persoas que estean interesadas en traballar na Asistencia Persoal. A xornada desenvolverase no Centro de Promoción para a Autonomía Persoal do IMSERSO (Fiobre-Bergondo, A Coruña), que cedeu as súas instalacións e colaborou na planificación e organización da mesma.
A xornada terá comezo ás 9:30 h. e rematará ás 14:20 h. aproximadamente. Inscrición aberta ata completar o aforo. Para inscribirse é preciso cumprimentar un formulario a través do seguinte enlace:
https://goo.gl/forms/ggoAWsC6W8LjuUWz2
Programa provisional da Xornada ''A Asistencia Persoal: A Xestión do Servizo''.
O novo Plan de Accesibilidade Turística senta as bases para convertir Galicia nun referente do Turismo Inclusivo
O Camiño de Santiago, con albergues públicos con habitación e baños adaptados, ten unha sección específica que fomenta unha experiencia inclusiva.
A Xunta presentou hoxe o Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, a folla de ruta que aspira a converter Galicia nun referente do turismo inclusivo. O documento contén medidas para desenvolver no destino e dan man do sector ato o ano 2019 e favorecer así o acceso aos recursos turísticos da Comunidade a persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
O plan foi presentado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao presidente da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif), Francisco Vietes. Numerosos representantes e membros das asociacións que traballan pola accesibilidade e do sector turístico participaron nesta cita
Trátase dun compromiso plasmado na Estratexia do turismo de Galicia 2020, deseñada para acompañar o crecemento de viaxeiros previsto coa vista posta no Xacobeo 2021, e alíñase co Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, que conta cun plan específico para aplicar na ruta xacobea. No plan proporciónase ao destino e ao sector turístico galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal
Despois de elaborar unha diagnose e identificar as posibles áreas de mellora, tomáronse as primeiras decisións, froito dun proceso de reflexión de carácter participativo con mesas de traballo e entrevistas onde estiveron presentes axentes do sector turístico e das asociacións que traballan por favorecer a inclusión na nosa sociedade. “Falamos dunha realidade crecente que esixe compromisos para que todas as persoas poidan viaxar e gozar dos nosos recursos turísticos en igualdade de condicións”, manifestou a directora de Turismo.
Rey Varela lembrou que hai un mercado potencial de 138 millóns de persoas con necesidades de acceso na Unión Europea, motivo polo que saudou a implantación deste Plan de accesibilidade. En concreto, as persoas que conforman este segmento da sociedade realizan unha media de 7,15 viaxes ao ano e prevese un crecemento interanual de 1,2%
Preto de 700 establecementos analizados
Na fase inicial do estudio, analizáronse preto de 700 establecementos, entre aloxamentos e restaurantes, e no Camiño de Santiago avaliouse o grao de accesibilidade de máis de 50 etapas, de preto de 200 establecementos de hospedaxe e de 80 puntos de interese turístico. Isto permitiu detectar retos e oportunidades recollidos no plan nos que traballar.
Entre os principais obxectivos do plan atópase a mellora do grao de accesibilidade da oferta e a inclusión do colectivo de persoas con diversidade funcional, ademais de situar Galicia como un destino de turismo accesible nacional e internacional. Contén, así mesmo, iniciativas para incrementar a formación e a sensibilización da poboación galega neste eido, outras dirixidas a proporcionar novas oportunidades de negocio ás empresas turísticas da nosa Comunidade e a establecer mecanismos para a xestión do turismo accesible.
O plan contén catro liñas estratéxicas para levar a cabo no destino Galicia e sete adicionais no Camiño de Santiago. De cara a mellorar a accesibilidade da oferta turística, proponse o deseño de produtos e rutas de turismo accesible. Para lograr a complicidade da sociedade, en xeral, e do sector turístico, en particular, promoveranse campañas de sensibilización. Tamén formación en materias de lexislación sobre accesibilidade e de atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas, xunto a unha guía de boas prácticas.
Galicia fomentará en feiras especializadas a súa imaxe como destino accesible, deseñando material promocional dirixido a este segmento e viaxes de familiarización. No marco do Plan de accesibilidade turística, aumentaranse igualmente as sinerxías entre o sector público, o privado e o movemento asociativo representativo de persoas con diversidade funcional.
Un Camiño de Santiago sen barreiras
Na súa intervención, Nava Castro reivindicou que “o Camiño de Santiago non ten fronteiras e pola mesma razón non pode ter barreiras”. “Non é posible unha verdadeira acollida se persisten obstáculos que a dificultan”, engadiu. A ruta xacobea, polas súas particularidades, dispón dun apartado específico para cuxa redacción examináronse os diferentes itinerarios.
I Xornada para o Fomento da Accesibilidade Universal en Lugo
O xoves 8 de xuño organizamos xunto con AUXILIA Lugo e Lugo Monumental unha Xornada de Fomento da Accesibilidade Universal na cidade de Lugo. Para levar a cabo tódalas actividades que se desenvolveron pola mañá de 11:00 h. A 14:00 h., continuando pola tarde de 16:30 h. A 18:30 h. contouse coa colaboración de outras entidades da discapacidade e empresas de Lugo. Pola mañá, na Praza da Soidade, tódolos participantes tiveron a oportunidade de poñerse no lugar dunha persoa con discapacidade, contando para isto coa colaboración da ONCE, Raiolas Lugo, Asorlu e “El Alquilón” Edensalus, así como con voluntarios de la asociación Mayores UDP; tamén a empresa Animatium colaborou coa montaxe dos stands, transporte e son.
Convidouse a tódolos representantes das administracións públicas, polo que se contou con ampla representación e participación dos distintos grupos da corporación municipal, así como da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, aos que lles agradecemos a súa asistencia e implicación.
Por outra banda, houbo gran afluencia de xente tanto nas actividades da mañá, na Praza da Soidade, como na mesa sobre prioridades en accesibilidade que organizamos pola tarde no Museo Provincial de Lugo, coa colaboración da xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, que acompañounos durante toda a Xornada, participando ademais pola tarde como moderadora da mesa.
Esta Xornada realizouse con dous obxectivos moi concretos: servir como ferramenta de sensibilización social, a través da participación directa dos asistentes e viandantes nas actividades desenvoltas polas entidades representantes dos distintos tipos de discapacidade (física, visual, auditiva e cognitiva), poñéndose no lugar e enfrontándose a algunhas das barreiras que día a día teñen que superar as persoas con discapacidade; e crear un punto de encontro para os representantes das discapacidades e empresarios, para expoñer as necesidades prioritarias en cuestión de accesibilidade na cidade de Lugo.
A Xornada cumpriu cos seus obxectivos, sensibilizando a tódolos participantes, e difundindo a necesidade de seguir traballando pola Accesibilidade Universal.
Difusión da Xornada nos medios de comunicación:
http://agencias.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=2521481
http://lugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-coa-accesibilidade-universal
http://elprogreso.galiciae.com/video/714018/politicos-lucenses-se-suben-una-silla-de-ruedas
https://josemanuelbalseiro.com/2017/06/08/xornadas-de-accesibilidade/
http://www.21noticias.com/2017/06/o-concello-de-lugo-coa-accesibilidade-universal/
https://youtu.be/HQw9iLrplns (Fundación TIC)