Este sábado 26 de novembro, PREDIF Galicia organizou un curso de formación para a obtención da “licenza de navegación” en colaboración coa Federación Galega de Motonáutica e coa asociación SODINAUTICA en Vigo. Este curso levouse a cabo con dous obxectivos principais: promover a igualdade de oportunidades, posibilitando ás persoas con discapacidade poder realizar este curso de maneira accesible e obter a licenza de navegación para gobernar embarcacións de recreo de ata 6 metros de eslora; e por outra banda, sensibilizar e concienciar ás empresas privadas e ás administracións públicas sobre a necesidade de que estes servizos sexan accesibles para todas as persoas. Aínda queda moito traballo por facer en materia de accesibilidade tanto nos portos deportivos como nos servizos que se prestan en xeral no ámbito do ocio e o turismo.
O curso para a obtención da licenza de navegación comezou ás 10:00 horas, e acudiron usuarios da asociación San Xerome Emiliani de A Garda e da asociación AMIZADE de Pontevedra. Tamén participaron persoas doutros puntos de Galicia que se desprazaron a Vigo para realizar a actividade. En total foron 13 persoas con discapacidade as que puideron realizar este curso e obter esta licenza, que tamén capacita para o goberno de motos náuticas de clase C. O curso ten unha parte teórica, que se realizou na propia Federación Galega de Motonáutica, e unha parte práctica, que foi levada a cabo no Porto de Bouzas.
Para a realización da práctica contouse coa entidade SODINAUTICA, que forma parte de PREDIF Galicia e que leva dende 1995 desenvolvendo programas e actividades no ámbito da náutica adaptada para promover a igualdade de oportunidades. Esta entidade dispón de varias embarcacións adaptadas nas súas instalacións do Porto de Bouzas, que permiten realizar a práctica de este curso a calquera persoa debido á súa versatilidade e capacidade de adaptación. A embarcación que se empregou nesta ocasión dispón dunha rampla de acceso móbil que permite acceder facilmente as persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, a consola de mandos é regulable en altura e o asento pódese quitar, polo que a persoa pode acceder ao posto de mando directamente coa súa cadeira de rodas e gobernar a embarcación.
Inicialmente estaba previsto realizar unha pequena excursión pola ría de Vigo despois de rematar as prácticas do curso, e cruzar a Cangas para desfrutar dun xantar con todos os participantes, pero debido a que as previsións do tempo non se cumpriron, finalmente suspendeuse a actividade ao rematar o curso. De todos modos, realizouse o xantar previsto no entorno do Porto de Bouzas, e pola tarde traballadores e voluntarios de PREDIF Galicia achegáronse cos traballadores e usuarios da asociación San Xerome Emiliani a un centro comercial de Tui, onde remeiros do Club Remo do Miño de Tui-Seta intentaban establecer un novo rexistro Guinness. Foi unha tarde apaixonante, xa que algúns usuarios da asociación San Xerome Emiliani tamén participan en competicións de Remo, polo que as emocións estiveron a flor de pel. Ao final, os remeiros Jorge André Carvalho e Damián Alonso bateron o récord do mundo de remo indoor, coa correspondente celebración por parte de todos os presentes.
PREDIF Galicia seguirá a desenvolver o seu programa de “Náutica adaptada” para continuar promovendo a igualdade de oportunidades e concienciando á sociedade da necesidade de que todos os entornos, produtos, bens e servizos, tamén no ámbito do ocio e do turismo, sexan accesibles para todas as persoas.