O Camiño de Santiago, con albergues públicos con habitación e baños adaptados, ten unha sección específica que fomenta unha experiencia inclusiva.
A Xunta presentou hoxe o Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, a folla de ruta que aspira a converter Galicia nun referente do turismo inclusivo. O documento contén medidas para desenvolver no destino e dan man do sector ato o ano 2019 e favorecer así o acceso aos recursos turísticos da Comunidade a persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
O plan foi presentado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao presidente da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif), Francisco Vietes. Numerosos representantes e membros das asociacións que traballan pola accesibilidade e do sector turístico participaron nesta cita
Trátase dun compromiso plasmado na Estratexia do turismo de Galicia 2020, deseñada para acompañar o crecemento de viaxeiros previsto coa vista posta no Xacobeo 2021, e alíñase co Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, que conta cun plan específico para aplicar na ruta xacobea. No plan proporciónase ao destino e ao sector turístico galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal
Despois de elaborar unha diagnose e identificar as posibles áreas de mellora, tomáronse as primeiras decisións, froito dun proceso de reflexión de carácter participativo con mesas de traballo e entrevistas onde estiveron presentes axentes do sector turístico e das asociacións que traballan por favorecer a inclusión na nosa sociedade. “Falamos dunha realidade crecente que esixe compromisos para que todas as persoas poidan viaxar e gozar dos nosos recursos turísticos en igualdade de condicións”, manifestou a directora de Turismo.
Rey Varela lembrou que hai un mercado potencial de 138 millóns de persoas con necesidades de acceso na Unión Europea, motivo polo que saudou a implantación deste Plan de accesibilidade. En concreto, as persoas que conforman este segmento da sociedade realizan unha media de 7,15 viaxes ao ano e prevese un crecemento interanual de 1,2%
Preto de 700 establecementos analizados
Na fase inicial do estudio, analizáronse preto de 700 establecementos, entre aloxamentos e restaurantes, e no Camiño de Santiago avaliouse o grao de accesibilidade de máis de 50 etapas, de preto de 200 establecementos de hospedaxe e de 80 puntos de interese turístico. Isto permitiu detectar retos e oportunidades recollidos no plan nos que traballar.
Entre os principais obxectivos do plan atópase a mellora do grao de accesibilidade da oferta e a inclusión do colectivo de persoas con diversidade funcional, ademais de situar Galicia como un destino de turismo accesible nacional e internacional. Contén, así mesmo, iniciativas para incrementar a formación e a sensibilización da poboación galega neste eido, outras dirixidas a proporcionar novas oportunidades de negocio ás empresas turísticas da nosa Comunidade e a establecer mecanismos para a xestión do turismo accesible.
O plan contén catro liñas estratéxicas para levar a cabo no destino Galicia e sete adicionais no Camiño de Santiago. De cara a mellorar a accesibilidade da oferta turística, proponse o deseño de produtos e rutas de turismo accesible. Para lograr a complicidade da sociedade, en xeral, e do sector turístico, en particular, promoveranse campañas de sensibilización. Tamén formación en materias de lexislación sobre accesibilidade e de atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas, xunto a unha guía de boas prácticas.
Galicia fomentará en feiras especializadas a súa imaxe como destino accesible, deseñando material promocional dirixido a este segmento e viaxes de familiarización. No marco do Plan de accesibilidade turística, aumentaranse igualmente as sinerxías entre o sector público, o privado e o movemento asociativo representativo de persoas con diversidade funcional.
Un Camiño de Santiago sen barreiras
Na súa intervención, Nava Castro reivindicou que “o Camiño de Santiago non ten fronteiras e pola mesma razón non pode ter barreiras”. “Non é posible unha verdadeira acollida se persisten obstáculos que a dificultan”, engadiu. A ruta xacobea, polas súas particularidades, dispón dun apartado específico para cuxa redacción examináronse os diferentes itinerarios.