O venres día 5 de maio fomos convidados á presentación da Estratexia Galega de Turismo 2020, na cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Esta nova Estratexia de Turismo ten tres grandes obxectivos: incrementar o número de visitantes progresivamente cada ano para intentar recibir no ano 2020 máis de 6 millóns de turistas; incrementar o peso do turismo internacional para chegar aos dos millóns de visitantes de outros países; aumentar o tempo de estancia e o gasto medio do turista que visita a nosa Comunidade Autónoma.
A Estratexia xurde da necesidade de mellorar a competitividade do turismo de Galicia, que pretende establecerse como sector clave da economía galega, sendo necesaria a colaboración dos sectores público e privado para a súa consecución. Este Plan foi liderado pola Axencia de Turismo de Galicia coa colaboración do Clúster de Turismo de Galicia, e plasma o marco de traballo para o período 2017-2020.
Neste acto, no que estivo presente a directora de Turismo de Galicia Nava Castro, interveu tamén o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijoo, destacando que a Estratexia de Turismo é un proxecto de país no que deben participar tódolos sectores.
Unha das propostas incluídas pola Xunta neste Plan é a creación dunha tarxeta para turistas, con descontos e outras facilidades para gozar dos servizos e produtos turísticos de Galicia.