O xoves pasado estivemos no Terceiro Encontro do Clúster de Turismo de Galicia. Os principais eixos en torno aos que xirou esta terceira edición dos Encontros Anuais do Clúster Turismo de Galicia, foron a necesidade de adaptarse ás novas exixencias do turista e a creación de produtos nos que se conxugue o termalismo, a cultura e a enogastronomía, no marco dun modelo turístico baseado na innovación, a calidade e a sustentabilidade.
O Clúster Turismo Galicia é unha agrupación de empresas ligadas por unha mesma cadea de valor e que leva a cabo actividades no ámbito do sector turístico, ben como actividade principal ou complementaria. O seu obxectivo é constituírse como a Voz do Turismo, vertebrando unha oferta tan rica e diversa como a galega e promovendo actividades de colaboración que permitan mellorar a competitividade, a innovación e a internacionalización do sector, cun obxectivo global: potenciar a marca Galicia como destino turístico forte e diferenciado, situándoo a escala global.
Este Terceiro Encontro realizouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, e contou coa participación de arredor de 300 profesionais do sector e co apoio de diferentes administracións públicas como Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense.
Destacouse por parte do presidente da Deputación, Manuel Baltar, a necesidade de seguir levando a cabo estes encontros, que son de gran utilidade para poñer en valor os produtos e o potencial turístico de Galicia en xeral e da provincia de Ourense en particular.
Na inauguración da xornada contouse ademais coa participación do director Xeral de TUREspaña, Manuel Butler, que manifestou o aporte de Galicia ao éxito do turismo en España, sinalando cifras de crecemento e creación de emprego no sector.
Tamén participo na inauguración deste Encontro o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, e a directora de TURGalicia Nava Castro, anunciando a directora de TURGalicia que o novo Plan Estratéxico de Turismo de Galicia presentarase oficialmente o próximo 5 de maio nun acto en Compostela. O presidente do CTG avanzou que este Plan estará moi centrado en medidas como a sustentabilidade, a formación, a calidade e a rentabilidade do sector turístico galego.