PREDIF Galicia (PLATAFORMA REPRESENTATIVA ESTATAL DE PERSONS CON DISCAPACIDADE FISICA DE GALICIA), realizou este sábado 22 de abril un curso de navegación accesible para persoas con discapacidade no Centro de Promoción da Autonomía Persoal do IMSERSO en Bergondo.
Esta fin de semana, PREDIF Galicia organizou un curso de navegación accesible para persoas con discapacidade en Bergondo. Este curso, que se fixo realidade grazas o financiamento da Fundación ONCE, levouse a cabo coa colaboración do Centro de Promoción de Autonomía Persoal do IMSERSO (CPAP) sito en Bergondo, de onde son a maior parte dos beneficiarios de esta formación. Ademais tamén se contou coa colaboración da Federación Galega de Motonáutica e coa participación da asociación SODINAUTICA.
Esta actividade, que ten carácter inclusivo, persegue dous obxectivos principais: promover a igualdade de oportunidades, posibilitando ás persoas con discapacidade poder realizar a formación de maneira accesible e obter a licenza de navegación para gobernar embarcacións de recreo a motor de ata 6 metros de eslora e motos náuticas de clase C; e, por outra banda, sensibilizar e concienciar ás empresas privadas e ás administracións públicas sobre a necesidade de que estes servizos sexan accesibles para tódalas persoas. Tamén servir como trampolín para achegar as actividades náuticas ás persoas con discapacidade, e fomentar a súa participación noutras actividades relacionadas: xornadas de pesca, competicións deportivas e/ou en festividades marítimas, etc.
Este curso, que contou con 17 participantes, comezou ás 10:00 a.m. no propio Centro de Promoción da Autonomía Persoal do IMSERSO en Bergondo, onde se realizou a parte teórica. O Centro implicouse totalmente na actividade e puxo a disposición da organización de PREDIF Galicia o aula e tódolos materiais e equipamento necesarios para poder impartir a teoría.
Tivemos o pracer de contar coa presenza da alcaldesa do concello de Bergondo, Alexandra Pérez Máquez, que nos acompañou na inauguración do curso e brindounos unhas palabras, mostrando o seu apoio a esta iniciativa e animando aos participantes de esta formación.
Posteriormente achegáronse os participantes e os seus acompañantes, xunto cos monitores e voluntarios, ao porto de Sada onde se desenvolveu a parte práctica.
Para a realización da práctica contouse coa entidade SODINAUTICA, que forma parte de PREDIF Galicia, e que leva dende 1995 desenvolvendo programas e actividades para promover a igualdade de oportunidades no ámbito da náutica adaptada. SODINAUTICA dispón dunha embarcación adaptada que ten unha rampla de acceso móbil que permite acceder de maneira sinxela a persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, a consola de controis é regulable en altura e o asento pódese quitar, polo que a persoa pode acceder ao posto de control directamente coa súa cadeira de rodas e gobernar a embarcación.
A actividade rematou, como estaba previsto, en torno ás 16:45 p.m., e todos os participantes superaron a formación e obtiveron unha titulación para gobernar embarcacións a motor.
PREDIF Galicia seguirá desenvolvendo o seu programa de "Náutica adaptada" para continuar promovendo a igualdade de oportunidades e concienciando á sociedade da necesidade de que tódolos contornos, produtos, bens e servizos, tamén no ámbito do ocio e o turismo, sexan accesibles para tódalas persoas.