Main content

O xoves pasado estivemos no Terceiro Encontro do Clúster de Turismo de Galicia. Os principais eixos en torno aos que xirou esta terceira edición dos Encontros Anuais do Clúster Turismo de Galicia, foron a necesidade de adaptarse ás novas exixencias do turista e a creación de produtos nos que se conxugue o termalismo, a cultura e a enogastronomía, no marco dun modelo turístico baseado na innovación, a calidade e a sustentabilidade.

O Clúster Turismo Galicia é unha agrupación de empresas ligadas por unha mesma cadea de valor e que leva a cabo actividades no ámbito do sector turístico, ben como actividade principal ou complementaria. O seu obxectivo é constituírse como a Voz do Turismo, vertebrando unha oferta tan rica e diversa como a galega e promovendo actividades de colaboración que permitan mellorar a competitividade, a innovación e a internacionalización do sector, cun obxectivo global: potenciar a marca Galicia como destino turístico forte e diferenciado, situándoo a escala global.

Este Terceiro Encontro realizouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, e contou coa participación de arredor de 300 profesionais do sector e co apoio de diferentes administracións públicas como Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense.

Destacouse por parte do presidente da Deputación, Manuel Baltar, a necesidade de seguir levando a cabo estes encontros, que son de gran utilidade para poñer en valor os produtos e o potencial turístico de Galicia en xeral e da provincia de Ourense en particular.

Na inauguración da xornada contouse ademais coa participación do director Xeral de TUREspaña, Manuel Butler, que manifestou o aporte de Galicia ao éxito do turismo en España, sinalando cifras de crecemento e creación de emprego no sector.

Tamén participo na inauguración deste Encontro o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, e a directora de TURGalicia Nava Castro, anunciando a directora de TURGalicia que o novo Plan Estratéxico de Turismo de Galicia presentarase oficialmente o próximo 5 de maio nun acto en Compostela. O presidente do CTG avanzou que este Plan estará moi centrado en medidas como a sustentabilidade, a formación, a calidade e a rentabilidade do sector turístico galego.

 

 

 

 

 

PREDIF Galicia (PLATAFORMA REPRESENTATIVA ESTATAL DE PERSONS CON DISCAPACIDADE FISICA DE GALICIA), realizou este sábado 22 de abril un curso de navegación accesible para persoas con discapacidade no Centro de Promoción da Autonomía Persoal do IMSERSO en Bergondo.

Esta fin de semana, PREDIF Galicia organizou un curso de navegación accesible para persoas con discapacidade en Bergondo. Este curso, que se fixo realidade grazas o financiamento da Fundación ONCE, levouse a cabo coa colaboración do Centro de Promoción de Autonomía Persoal do IMSERSO (CPAP) sito en Bergondo, de onde son a maior parte dos beneficiarios de esta formación. Ademais tamén se contou coa colaboración da Federación Galega de Motonáutica e coa participación da asociación SODINAUTICA.

Esta actividade, que ten carácter inclusivo, persegue dous obxectivos principais: promover a igualdade de oportunidades, posibilitando ás persoas con discapacidade poder realizar a formación de maneira accesible e obter a licenza de navegación para gobernar embarcacións de recreo a motor de ata 6 metros de eslora e motos náuticas de clase C; e, por outra banda, sensibilizar e concienciar ás empresas privadas e ás administracións públicas sobre a necesidade de que estes servizos sexan accesibles para tódalas persoas. Tamén servir como trampolín para achegar as actividades náuticas ás persoas con discapacidade, e fomentar a súa participación noutras actividades relacionadas: xornadas de pesca, competicións deportivas e/ou en festividades marítimas, etc.

Este curso, que contou con 17 participantes, comezou ás 10:00 a.m. no propio Centro de Promoción da Autonomía Persoal do IMSERSO en Bergondo, onde se realizou a parte teórica. O Centro implicouse totalmente na actividade e puxo a disposición da organización de PREDIF Galicia o aula e tódolos materiais e equipamento necesarios para poder impartir a teoría.

Tivemos o pracer de contar coa presenza da alcaldesa do concello de Bergondo, Alexandra Pérez Máquez, que nos acompañou na inauguración do curso e brindounos unhas palabras, mostrando o seu apoio a esta iniciativa e animando aos participantes de esta formación.

Posteriormente achegáronse os participantes e os seus acompañantes, xunto cos monitores e voluntarios, ao porto de Sada onde se desenvolveu a parte práctica.

Para a realización da práctica contouse coa entidade SODINAUTICA, que forma parte de PREDIF Galicia, e que leva dende 1995 desenvolvendo programas e actividades para promover a igualdade de oportunidades no  ámbito da náutica adaptada. SODINAUTICA dispón dunha embarcación adaptada que ten unha rampla de acceso móbil que permite acceder de maneira sinxela a persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, a consola de controis é regulable en altura e o asento pódese quitar, polo que a persoa pode acceder ao posto de control directamente coa súa cadeira de rodas e gobernar a embarcación.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 A actividade rematou, como estaba previsto, en torno ás 16:45 p.m., e todos os participantes superaron a formación e obtiveron unha titulación para gobernar embarcacións a motor.

 PREDIF Galicia seguirá desenvolvendo o seu programa de "Náutica adaptada" para continuar promovendo a igualdade de oportunidades e concienciando á sociedade da necesidade de que tódolos contornos, produtos, bens e servizos, tamén no ámbito do ocio e o turismo, sexan accesibles para tódalas persoas.

O 7 de abril acudimos á Xornada de Asistencia Persoal organizada por AUXILIA Lugo. Nesta xornada invitouse, entre outros poñentes, a integrantes da oficina de Vida Independente de Galicia para, entre outras cousas, poñer de manifesto a necesidade que a día de hoxe, as persoas con discapacidade teñen de poder xestionar o servizo de manera autónoma e según as súas necesidades.

Ponse o acento no interés inicial da Xunta de Galicia para por en marcha, xunto con VIGalicia e outra entidade da discapacidade, un servizo de Asistencia Persoal que satisfacese tódalas necesidades de todos os colectivos interesados.

Tamén participaron nesta xornada Asistentes Persoais, familiares e outros beneficiarios deste servizo que deron o seu punto de vista, así como outros poñentes relacionados coa xestión do servizo de Asistencia Persoal, que explicaron a situación actual da Asistencia Persoal e diferentes alternativas de xestión do servizo.